27/11/10

ADEUS A FERNÁNDEZ DEL RIEGO


97 palomas para Don Paco: isto ocurría en xaneiro deste ano.
Onte, tristemente, despedimos a
Francisco Fernández del Riego, intelectual, escritor -Don Paco, Home Luz- fundador da Editorial Galaxia, Director da Biblioteca Penzol en Vigo durante case medio século, que desenvolveu unha traxectoria en prol da cultura e a lingua galegas.



Faro de Vigo , Xornal de Galicia.com, La Voz de Galicia, Wikipedia

19/11/10

O labirinto dos soños

Fóra das salas de cine, un proxecto de animación en tres dimensións realizado en Galicia está a amosar as posibilidades creativas que existen no noso país e o aproveitamento que se fai das novas tecnoloxías. “O labirinto dos soños” é unha película de debuxos animados. Un proxecto musical. Un xogo. Unha unidade didáctica. Todo feito desde Galicia e distribuído a través de librerías.

Pincha na imaxe para velo!!!

Seis capítulos dunha serie de animación para TV, na que cada capítulo corresponde a unha canción. Conta as peripecias de Ventura tres pelos, un rapaz que nunca quería durmir porque non sabía soñar. Ata que unha noite, lendo un libro de contos, quedou por fir durmido e comezou a soñar. pero tanto soñou que soñaba e así. quedou atrapado no labirinto dos soños, onde vive as máis extraordinarias aventuras e desventuras. Ventura aínda continúa atrapado no labirinto, un lugar con moitos camiños, pero cunha soa saída.


16/9/10

CULTURA PARA LEVAR

En Toupa.net cultura para levar tedes
a posibilidade de acceder a todos os produtos culturais galegos. Non deixedes de visitar esta páxina, pero se ademais necesitades ideas para os máis pequenos, premendo na imaxe inferior accededes á oferta de música, libros, banda deseñada e audiovisuais infantís.

14/9/10

FERROL COA LINGUA


Se premedes na imaxe entraredes en FERROL COA LINGUA, onde podedes atopar as accións de normalización lingüística do noso concello.E invitámosvos a visitar "ENSINO E MOCIDADE" premendo nestoutra para descubrir moitas das actividades que se están a facer para os máis novos e para dar un paseo por outras nas que xa tedes participado.

13/9/10

Para que serve o galego...

É unha fermosa reflexión que atopamos na rede e coa que nos comprace iniciar o novo curso:

18/6/10

A escola: unha oportunidade para aprender galego

Os estudos sobre adquisición de linguas demostran que os nenos e as nenas que crecen en contacto con varias linguas teñen moita máis facilidade no futuro para a comunicación, as habilidades sociais e a aprendizaxe.
Podemos aproveitar a presenza do galego na nosa sociedade para mellorar a formación dos nosos fillos e fillas.
O galego é riqueza para o futuro, nunca un problema para aprender. Axudádelles aos vosos fillos e fillas a aprender o galego como unha lingua de seu, non como unha lingua estraxeira.



7/6/10

GalegoLAB: accións positivas en prol da nosa lingua

Este mércores 9 de xuño en Santiago de Compostela terá lugar a presentación de GalegoLab, un colectivo para sumar esforzos e vontades en defensa do idioma galego, un laboratorio para crear e desenvolver accións positivas a prol da lingua, principalmente centradas nas culturas emerxentes e nos sectores máis novos da sociedade.

Para ler máis podes consultar a páxina da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística.

Ademais da súa propia constitución, GLab está a promover unha ferramenta informática, GALEGOLAB (www.galegolab.org), a xeito de rede social ou instrumento de crowdsourcing, que promova e coordine achegas de medios humanos, materiais e monetarios para levar adiante esas accións positivas dirixidas á promoción do galego propostas fundamentalmente polos usuarios de GALEGOLAB, ou ben pola propia GLab.

31/5/10

X CERTAME POESÍA E IMAXE


Hoxe tivo lugar o encontro que periodicamente a Coordenadora das Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra convoca neste tempo dende hai xa dez anos. A primavera e a poesía sempre foron da man, e esta tarde tivemos a oportunidade de ver os fermosos traballos dos distintos niveis educativos na exposición do Centro Cívico Carvalho Calero. Mesmo contamos coa música dun grupo de estudantes do Conservatorio de Ferrol que nos fixeron mover os pés ao ritmo de moitas pezas tradicionais galegas, e que despediron o acto cun emotivo Himno Galego que todos os demais cantamos.
Desde aquí queremos felicitar a quen cada ano fai posible que isto se repita, e a todas e todos os participantes polo seu magnífico traballo.
En especial, a nosa NORABOA a Anxo, Ernesto e Laura.
Moitas felicidades e...
A SEGUIR TRABALLANDO ASÍ DE BEN.
ESPERAMOS A PRÓXIMA CITA, ATA ENTÓN...
QUE VIVA A POESÍA! QUE VIVA O GALEGO!









A hortiña: un lugar de encontros e xogos en galego.


Un grupo de pais e nais de Ferrolterra deciden xuntarse para que os seus fillos e fillas teñan a oportunidade de xogar e medrar en galego nun entorno castelán-falante como o que nos rodea.


O vídeo dirixido por Ana Mª Pérez Rico, mestra no CEIP de Centieiras, forma parte da campaña "Orgullosos do noso, orgullosos do galego" da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística.




En Galego tamén se fai ciencia

A defensa do galego vai máis alá do emprego literario ou da reflexión lingüística, e inclúe o seu uso cotián en todos os ámbitos, tamén nos espazos específicos de investigación. As tres universidades galegas inician a campaña "En galego tamén se fai ciencia".

Xavier Alcalá, Beatriz de Carlos, Ángel Carracedo, Domingo Docampo, Edita de Lorenzo, Marcos Mariño, Jorge Mira e Elena Vázquez-Cendón son algunhas das persoas que fan ciencia en galego, e que, ademais, quixeron dar as súas ideas, poñer os seus rostros e explicitar o seu compromiso na campaña En galego tamén se fai ciencia, promovida polos servizos de normalización lingüística (SNL) das tres universidades galegas.Toda a información en www.engalegotamensefaiciencia.eu


20/5/10

UXÍO NOVONEYRA

Mañá celebraremos na nosa biblioteca o Día das Letras Galegas, con cancións, poemas, teatro e adiviñas, e aproveitaremos para repartir a pegatina que elaboramos para a conmemoración desta festa.
Estas semanas estivemos a traballar para preparar a exposición.


Este poema adicoullo á súa filla, Branca-Petra.

No bicarelo do bico do brelo canta o paxariño.
No mesmiño bicarelo do bico do brelo.

E aquí deixamos unhas imaxes de O Courel con música de Luar na Lubre


En pequesPazos e Cinco anos e máis tedes outras cousas interesantes para ver, non deixedes de visitar estes blogs de infantil.