31/10/09

SAMAÍN

Esta é a canción que o ano pasado compuxo o noso compañeiro Jesús Pareja: "Samaín". Aquí a deixamos para que disfrutedes dela.
Grazas, Jesús, encántanos que fagas cousas tan bonitas.



Samaín, o misterio chega co Samaín,
as cabazas, os morcegos,
bruxas polo ceo,
o misterio chega co Samaín. (bis)

Lúa chea no balcón,
mil estrela arredor,
bailan aquelarre,
ósos e melóns. (bis)

Samaín, o misterio chega co Samaín,
as cabazas, os morcegos,
bruxas polo ceo,
o misterio chega co Samaín. (bis)

As caveiras atopar
nos cruceiros do lugar,
faremos meigallos
para nos salvar. (bis)

Samaín, o misterio chega co Samaín,
as cabazas, os morcegos,
bruxas polo ceo,
o misterio chega co Samaín. (bis)


A festa do samaín marcaba para os celtas o comezo dun novo ano. Polo samaín era costume baleirar nabos de gran tamaño –posteriormente cabazas- para porlles dentro candeas. Varios séculos despois esta tradición –que se mantén aínda en Galiza, destacándose Cedeira- ten continuidade nas festas de Halloween (adaptación do samaín á cultura americana, sendo máis semellante a un entroido), que poderían ter sido exportadas aos Estados Unidos de América polos irlandeses no século XIX e comezos do XX. (Galipedia)

30/10/09

Visita á Lagoa de Doniños e ao Castro de Lobadiz



Equipados/as coa roupa axeitada e o material necesario para tomar anotacións, hoxe os alumnos e alumnas de 2º e 3º ciclos visitamos a lagoa,o areal de Doniños e o Castro costeiro de Lobadiz.
Contamos coa presenza de Sandra, membro de SGHN, que fixo de guía, e foinos explicando sobre todo a flora e fauna da zona, coa axuda dun telescopio.
En primeiro lugar realizamos un recorrido pola barra dunar, entre a lagoa e o areal. A vexetación é escasa en especies e cobertura xa que as plantas teñen que soportar condicións extremas de mobilidade do substrato e de salinidade, entón só moi poucas especies soportan estas condicións e todas elas presentan adaptacións como follas carnosas, raíces longas, etc. Entre elas observamos: os feos ( de raíces moi longas para buscar auga), cebolas de gaivotas ( as follas teñen unha especie de cera para protexerse do sol), leiterenas, alelí de mar, tomelo de praia e outras.
Poidemos observar tamén, coa axuda do telescopio, as gaivotas que sobrevoaban a lagoa e tamén a galiñola negra.
A continuación fixemos un recorrido polo areal descubrindo, sobre todo, o impacto sobre o litoral do lixo acumulado na praia.
Polos sendeiros ata o Castro observamos a uña de gato, planta importada de África para cubrir as ladeiras das estradas.
Unha vez no castro merendamos e despois aprendemos un pouco sobre as ruínas, que, por certo, están cubertas de vexetación. Sería bo limpar e poder ver algún resto do Castro. Por último observamos co telescopio as Illas Gabeiras que tiñamos enfrente.
Nesta saída marabillosa aprendemos, divertímonos e fixemos sendeirismo.
Que máis podemos pedir!








LENDA DA LAGOA DE DONIÑOS.

“Un día chega Xesús á cidade de Valverde pedindo algo de comida, pero ninguén lla dá. Así chega á casa dunha muller que vivía un pouco afastada do pobo cos seus fillos pequenos e esta ofrécelle un pouco de bola que acababa de cocer. Xesús, agradecido, dille á muller que fuxa polo camiño arriba sen mirar atrás, que a mala xente de Valverde ía sufrir un desengano que ela non merecía. Ela así o fixo despois de que Xesús lle asegurara que os seus fillos non correrían perigo, pero en vez de mirar adiante como Xesús lle dixera, mirou para atrás chea de curiosidade e viu como a cidade de Valverde estaba a desaparecer baixo unha morea de auga. A muller morre por desobedecer, pero os seus fillos sálvanse flotando no berce no que durmían. Din que de aí vén o nome de lagoa: Doniños, “dos niños” en castelán, dous nenos en galego."

27/10/09

BOCABERTA CHEGA A FERROL


O programa Bocaberta, de Política Lingüística, é unha campaña que comezou o pasado mes de maio en Cangas e, tras percorrer outros 11 concellos, continúa -nunha segunda fase- nestes meses de outubro e novembro.
Hoxe tocoulle a Ferrol. E alí xuntámonos ás doce e media da mañá, seis colexios: Isaac Peral, Manuel Masdías, Pazos, Ponzos, Recimil e Santa Xoana de Lestonnac. O Mago Cali fixo un espectáculo no que achegou as súas verbas e a súa maxia a un montón de nenos e nenas dispostos . Poderedes ler máis información sobre o libro co que a Editorial Xerais nos agasallou no blog da biblioteca.