18/6/10

A escola: unha oportunidade para aprender galego

Os estudos sobre adquisición de linguas demostran que os nenos e as nenas que crecen en contacto con varias linguas teñen moita máis facilidade no futuro para a comunicación, as habilidades sociais e a aprendizaxe.
Podemos aproveitar a presenza do galego na nosa sociedade para mellorar a formación dos nosos fillos e fillas.
O galego é riqueza para o futuro, nunca un problema para aprender. Axudádelles aos vosos fillos e fillas a aprender o galego como unha lingua de seu, non como unha lingua estraxeira.



7/6/10

GalegoLAB: accións positivas en prol da nosa lingua

Este mércores 9 de xuño en Santiago de Compostela terá lugar a presentación de GalegoLab, un colectivo para sumar esforzos e vontades en defensa do idioma galego, un laboratorio para crear e desenvolver accións positivas a prol da lingua, principalmente centradas nas culturas emerxentes e nos sectores máis novos da sociedade.

Para ler máis podes consultar a páxina da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística.

Ademais da súa propia constitución, GLab está a promover unha ferramenta informática, GALEGOLAB (www.galegolab.org), a xeito de rede social ou instrumento de crowdsourcing, que promova e coordine achegas de medios humanos, materiais e monetarios para levar adiante esas accións positivas dirixidas á promoción do galego propostas fundamentalmente polos usuarios de GALEGOLAB, ou ben pola propia GLab.