20/11/09

EN GALEGO OS DEREITOS DO NENO

Hoxe 20 de novembro de 2009 celébramos dous aniversarios. Desde estes enlaces podedes acceder á Declaración dos Dereitos do Meniño e da Meniña de 1959 e á Convención dos Dereitos do Meniño e da Meniña de 1989.

Atopamos esta presentación visitando O RECANTO DE MIK, animámosvos a pasar pola súa Biblioteca para disfrutar de todos os recursos que nos ofrece.

16/11/09

RIMAS DO PEÓN II


Polo San Martiño
buxainas e millo. (Laura, de 5º de Primaria)

Tes que bailar a piola
senón vólveste tola. (Laura, 5º)


Bailan, bailan as buxainas,
saltan, saltan as piolas,
coma tolas,
coma tolas. (Lucía, 5º)

Bailan os peóns
con moita ilusión. (Lucía, 5º)
A piola envolveu a buxaina,
e empeza a xirar arredor da castaña. (Nuria, 6º)

Vai buscar a buxaina,
vai buscar os amigos,
sempre que queiras xogar,
xogar polo San Martiño. (Nuria, 6º)

Xa vén o San Martiño
con porquiños e peóns,
esta é a letra da canción
para andar no camión. (Rubén, 6º)

Se ti cres no San Martiño
corre a buscar os amigos,
corre a xirar as buxainas,
xoga polos camiños. (Gloria, 6º)

As buxainas co seu ferrón,
parten a mogollón. (Joni, 6º)

Co San Martiño
corre a beber viño,
e a bailar as buxainas
polo camiño,
polo camiño. (Joni, 6º)

O peón ten unha barriga,
coma unha señora,señoriña. (Alba, 5º)

O peón gordiño
pode bailar polo camiño. (Alejandro, 5º)

No botón
baila o peón.
E no pratiño,
o peonciño. (Leandra, 5º)


O tempo amaina
cando baila a buxaina. ( Rosana)

Saen bailar os peóns
facendo procesións.
Xiran de noite e de día
¡Vaia algarabía! (Paula, Joni e Rosana)

Se tiras da piola
a buxaina roda,
e se che sae mal,
volves empezar. (Carolina e Gloria, 5º e 6º)


Roda o peón,
roda, roda sen dirección. (Paula, 5º)

Coa capa colorada
e a barriga abrigada
xira a buxaina
e desfai a súa saia. (Rosana)

15/11/09

Primeiras rimas do PEÓN


San Martiño chegou,
e nos peóns pensou. (Feli)

Trompo no camiño
e ri o meniño. (Feli)

Buxaina redonda,
o que non queira xogar
que se esconda. (Feli)

O peón
ten barriga de melón. (Fabio, 4º curso)

A piola
pon a buxaina tola. (Paula, 4º)

Chegou san Martiño
con moito fresquiño. (David, 4º)

Nenos no patio
xogando aos peón,
alegres, contentos,
cantando cancións. (Alumnos e alumnas de 4º)

Cantando e bailando felices,
chegou San Martiño con moitas perdices. (David, 4º)

No outono,
buxainas para todos. (David, 4º)

Os nenos e nenas de Pazos
cantaron a canción
do peón. (Andrea, 4º)

A buxaina co ferrón,
unha castaña estoupou. (Feli)

Fun polo camiño
con peóns, leite e viño. (Miriam, 4º)

A castaña estoupou
e a cabaza un susto levou. (Paula e Miriam, 4º)

A buxaina tola
enrólase coa piola. (Feli, 4º)

Aos nenos xoguetóns
gústanlles os peóns. (Nenos e nenas de 4º)

11/11/09

Día do Peón II


Saímos ao patio e bailamos e bailamos os peóns. Atoparedes toda a información se picades na fotografía e accededes ao blog da Biblioteca.
*****Pero desde aquí queremos convocar a todos e todas a facer rimas para publicar aquí. ¿Animádesvos a participar?
Podedes pensar nas casas, traballar coas vosas profes, inventar cos vosos compas..., pedir axuda aos avós e avoas, pensar no que dirían Astérix e Obélix, ou pechar os ollos e debuxar no ar unha buxaina percorrendo o camiño polo San Martiño. Cando teñades lista a vosa rima, levádea á Biblioteca escrita nun papeliño, ou facede un comentario ao final desta entrada. Non esquezades poñer o voso nome en calquera dos dous sitios.
Ao final da vindeira semana publicaremos todas as que teñamos recollido; mesmo escribiremos de novo as dos comentarios. ¡ÁNIMO E A PENSAR!

10/11/09

DÍA DO PEÓN




Hai uns días falabamos de... "Polo San Martiño, peóns no camiño" (Pica se queres recordar a nova e os vídeos). Por fin chegou o día! Mañá celebramos o Día do Peón. Aquí vos deixamos o Manifesto de Suso de Toro, de novo o enlace a Brinquedia, e uns vídeos para que vexades que o peón é internacional, que fala moitas linguas e que sabe de moitas culturas. Recordade! Mañá xogaremos no recreo. Todos e todas preparados!
Por certo, se queredes refrescar a memoria, podedes acceder a unha entrada antiga do blog da biblio onde podederedes ver fotos da celebración de hai dous anos e tamén repasar a letra da "Buxaina", do Grupo Ledicia, de Caranza, Ferrol (CEIP Manuel Masdías)

Manifesto do "Día do peón 2009"

TIRA POLA PIOLA

Traballar todo o ano cansa, traballar un día e mais outro na mesma cousa é aborrecido. Así e todo hai días nos que o traballador ten o corpo golfo e quere brincar, eses días fabrica cousas para a alegría. Estes días pasados os ferreiros que fan ferramentas e os carpinteiros que amoblan as casas deixaron estar os traballos e armaron animaliños de madeira con punta de ferro. Son bichiños viradores.
Baila, bailarín, baila,
Danza, salta, o meu peón,
Brinca a miña buxaina
O meu trompo toleirón

O peón é barrigón e polo pé moi agudo, é un bicho que quere brincar e que naceu aprendido, xa sabe bailar. Nada máis falta que ti aprendas primeiro, a buxaina vai agardar que alguén che ensine primeiro a que a envolvas coa túa piola, a modiño, con xeito, unha volta e mais outra. Á que está envolta hai que sacar a lingua polo canto da boca e logo, atención, aí vai o peón!
Elvira, tira,Manuel,
dalle á piola.
Son o teu trompo,
Lánzame que non rompo.
Suso de Toro





Chispa cóntanos máis cousas no blog da nosa biblioteca

8/11/09

MAGOSTO E SAMAÍN NO COLE!


Este venres celebramos o Magosto e o Samaín. Primeiro comemos as castañas no patio. Mmmmm! Que ricas. Castañas con leite. Despois limpamos e recollemos todo e fomos ás clases a prepararnos para o desfile do Samaín.



Os maiores, como cada ano, tallamos e adornamos as cabazas no cole. Os peques trouxeron fermosas caveiras das casas, e todos xuntos fixemos un desfile coas luces apagadas e as cabazas acesas, mentres cantabamos unha canción que a nosa profe Feli compuxo hai anos, e que a nós encántanos cantar polo Samaín:
"Samaín, Samaín, de idade celta,
Samaín, Samaín, chegou o Samaín. (bis)

Somos as caveiras
do colexio de Pazos
aquí vimos todas
a darvos abrazos. (bis)

Samaín, Samaín, de idade celta
Samaín, Samaín, chegou o Samaín. (bis)

Desfilamos xuntas
ríndonos do mal
non teñades medo
deste festival. (bis)"




A "teacher" tamén preparou dúas cancións cos nenos e nenas de 1º e 2º. Deixámosvos as fotos a continuación.


Despedímonos cantando Samaín, do noso compañeiro Jesús Pareja. Xa a coñecedes de entradas antigas pero se a queredes volver escoitar non tedes máis que picar aquí.

6/11/09

Redeiras. Un caderno de poesía experimental intercentros.

REDEIRAS é un caderno de Poesía Experimental, feito por un mar de "mestras-redeiras" que van texendo con imaxes, con palabras, con silencios, con complicidade... anaquiños do sentir das nosas nenas e nenos.
Este proxecto está enmarcado dentro dun Proxecto de Normalización e Dinamización Lingüística entre centros, no que participamos xa máis de 17 centros galegos e no que ademais colabora a Asociación Sagres, cunha valiosísima recopilación de fotos da xente do mar.

Pois ben, velaiquí a primeira contribución ao proxecto do CEIP de Pazos: as nenas e nenos de 3 e 4 anos da clase da profe Rosa, inspirados polo caligrama do caracol das nenas e nenos do Santiago de Oliveira, e os caligramas de Apollinaire, e dentro dun proxecto global propio do centro no que se traballaron as árbores autóctonas da nosa comarca, fixeron esta caligram-árbore de outono.
A profe Rosa axudounos a escribir as palabras e as profes Ana e Carmen a darlle este acabado final tan espectacular!!!

Esperamos que vos guste a nosa caligram-árbore de outono.

Podedes velo tamén en redeiras ou en pequesPazos.


4/11/09

POLO SAN MARTIÑO, PEÓNS NO CAMIÑO


Vieiros vén de colgar na súa páxina unha interesantísima información sobre o Día do Peón.
Aquí tedes un vídeo dos nosos veciños do CEIP de San Isidro xogan ao peón nos recreos polo San Martiño.

E tamén vos deixamos outro interesantísimo vía "BRINQUEDIA", que é a entidade organizadora desta celebración, de como se elabora un peón, e para facer un pareado,
prestade moita atención.

1/11/09

Queremos galego


QUEREMOS GALEGO é unha plataforma cidadá, conformada por entidades de diferentes ámbitos e por persoas a título individual, que nace da vontade de articular unha ampla resposta colectiva a prol da lingua propia do noso pobo, o galego; de defensa e afirmación dos usos públicos e dereitos lingüísticos xa garantidos pola actual lexislación; de progresiva normalización naqueles espazos onde o idioma de noso non goza aínda da presenza desexada.

O pasado 18 de outubro houbo unha manifestación en Santiago a prol da nosa lingua na que participaron máis de 50.000 persoas. Nun ambiente lúdico –no que a música das gaitas e os bombos acompañaron toda a marcha– tomaron a palabra nada máis chegar á Quintana os membros da plataforma Queremos Galego, Fran Rei e Patricia Vázquez, o intelectual galeguista Avelino Pousa Antelo, o presidente da Mesa, Carlos Callón, e o músico e activista cultural Xurxo Souto.


Máis información en Galicia hoxe

“Se os galegos aínda somos galegos, é por obra e graza da nosa lingua, que temos que defender”. Castelao dicíao en 1931, no seu discurso nas Cortes constituíntes. Setenta e oito anos despois, estas palabras, lembradas por Avelino Pousa Antelo, teñen aínda moito significado.

31/10/09

SAMAÍN

Esta é a canción que o ano pasado compuxo o noso compañeiro Jesús Pareja: "Samaín". Aquí a deixamos para que disfrutedes dela.
Grazas, Jesús, encántanos que fagas cousas tan bonitas.



Samaín, o misterio chega co Samaín,
as cabazas, os morcegos,
bruxas polo ceo,
o misterio chega co Samaín. (bis)

Lúa chea no balcón,
mil estrela arredor,
bailan aquelarre,
ósos e melóns. (bis)

Samaín, o misterio chega co Samaín,
as cabazas, os morcegos,
bruxas polo ceo,
o misterio chega co Samaín. (bis)

As caveiras atopar
nos cruceiros do lugar,
faremos meigallos
para nos salvar. (bis)

Samaín, o misterio chega co Samaín,
as cabazas, os morcegos,
bruxas polo ceo,
o misterio chega co Samaín. (bis)


A festa do samaín marcaba para os celtas o comezo dun novo ano. Polo samaín era costume baleirar nabos de gran tamaño –posteriormente cabazas- para porlles dentro candeas. Varios séculos despois esta tradición –que se mantén aínda en Galiza, destacándose Cedeira- ten continuidade nas festas de Halloween (adaptación do samaín á cultura americana, sendo máis semellante a un entroido), que poderían ter sido exportadas aos Estados Unidos de América polos irlandeses no século XIX e comezos do XX. (Galipedia)

30/10/09

Visita á Lagoa de Doniños e ao Castro de Lobadiz



Equipados/as coa roupa axeitada e o material necesario para tomar anotacións, hoxe os alumnos e alumnas de 2º e 3º ciclos visitamos a lagoa,o areal de Doniños e o Castro costeiro de Lobadiz.
Contamos coa presenza de Sandra, membro de SGHN, que fixo de guía, e foinos explicando sobre todo a flora e fauna da zona, coa axuda dun telescopio.
En primeiro lugar realizamos un recorrido pola barra dunar, entre a lagoa e o areal. A vexetación é escasa en especies e cobertura xa que as plantas teñen que soportar condicións extremas de mobilidade do substrato e de salinidade, entón só moi poucas especies soportan estas condicións e todas elas presentan adaptacións como follas carnosas, raíces longas, etc. Entre elas observamos: os feos ( de raíces moi longas para buscar auga), cebolas de gaivotas ( as follas teñen unha especie de cera para protexerse do sol), leiterenas, alelí de mar, tomelo de praia e outras.
Poidemos observar tamén, coa axuda do telescopio, as gaivotas que sobrevoaban a lagoa e tamén a galiñola negra.
A continuación fixemos un recorrido polo areal descubrindo, sobre todo, o impacto sobre o litoral do lixo acumulado na praia.
Polos sendeiros ata o Castro observamos a uña de gato, planta importada de África para cubrir as ladeiras das estradas.
Unha vez no castro merendamos e despois aprendemos un pouco sobre as ruínas, que, por certo, están cubertas de vexetación. Sería bo limpar e poder ver algún resto do Castro. Por último observamos co telescopio as Illas Gabeiras que tiñamos enfrente.
Nesta saída marabillosa aprendemos, divertímonos e fixemos sendeirismo.
Que máis podemos pedir!








LENDA DA LAGOA DE DONIÑOS.

“Un día chega Xesús á cidade de Valverde pedindo algo de comida, pero ninguén lla dá. Así chega á casa dunha muller que vivía un pouco afastada do pobo cos seus fillos pequenos e esta ofrécelle un pouco de bola que acababa de cocer. Xesús, agradecido, dille á muller que fuxa polo camiño arriba sen mirar atrás, que a mala xente de Valverde ía sufrir un desengano que ela non merecía. Ela así o fixo despois de que Xesús lle asegurara que os seus fillos non correrían perigo, pero en vez de mirar adiante como Xesús lle dixera, mirou para atrás chea de curiosidade e viu como a cidade de Valverde estaba a desaparecer baixo unha morea de auga. A muller morre por desobedecer, pero os seus fillos sálvanse flotando no berce no que durmían. Din que de aí vén o nome de lagoa: Doniños, “dos niños” en castelán, dous nenos en galego."

27/10/09

BOCABERTA CHEGA A FERROL


O programa Bocaberta, de Política Lingüística, é unha campaña que comezou o pasado mes de maio en Cangas e, tras percorrer outros 11 concellos, continúa -nunha segunda fase- nestes meses de outubro e novembro.
Hoxe tocoulle a Ferrol. E alí xuntámonos ás doce e media da mañá, seis colexios: Isaac Peral, Manuel Masdías, Pazos, Ponzos, Recimil e Santa Xoana de Lestonnac. O Mago Cali fixo un espectáculo no que achegou as súas verbas e a súa maxia a un montón de nenos e nenas dispostos . Poderedes ler máis información sobre o libro co que a Editorial Xerais nos agasallou no blog da biblioteca.