Hoxe todo o colexio celebrou o CORRELINGUA de Ferrolterra. Levamos a nosa pancarta e participamos no percorrido polo recinto de FIMO , en A Malata. Despois, dentro do pavillón escoitamos contos, lemos o manifesto, e vimos a representación de "Zampón, o lambón" a cargo de FANTOCHE BAJ, unha compañía de teatro de Lalín, que estes días percorrerá as vilas de Galicia co seu espectáculo, acompañando ao Correlingua. Antes de ver as fotos, podedes ler o fermoso manifesto que os alumnos e alumnas de 4º da ESO do CPI de Panxón, en Nigrán, escribiron:
MANIFESTO PARA O “CORRELINGUA” DE “OS CONCIENCIADOS”.
Galicia ten unha lingua propia moi antiga e fermosa, o galego. Debemos falala para así conservala como fixeron os nosos devanceiros que a pasaron de xeración en xeración, ás veces con moitas dificultades porque estivo prohibida nos Séculos Escuros e na posguerra. Afortunadamente mantivérona viva e hoxe temos o deber de mantela viva nós, falándoa en tódolos contextos, na escola, na rúa, no médico, nos fogares, na igrexa, cos amigos, nas discotecas, no noso tempo de lecer (gozando de libros, xornais, música, programas de televisión, documentais, vídeos, películas e obras de teatro en galego), demandando toda esta cultura en galego. De xeito que poidamos transmitírllela logo ós nosos fillos e perdure no tempo moitos séculos máis.
Somos os mozos e as mozas quen temos a obrigación de manter a lingua galega viva e hoxe en día a xuventude non fala moito en galego; xustifícanse dicindo que a súa familia lles fala en castelán e tamén os seus amigos, e que se senten máis cómodos falando en castelán. Mesmo hai rapaces e rapazas que opinan que o galego é unha lingua inferior que non serve para nada, razoamentos totalmente absurdos que se se lles fai caso, rematarán extinguindo a nosa lingua galega e tirarán por terra todo o labor feito polos nosos devanceiros e egrexios escritores e escritoras como Rosalía de Castro, Curros, Pondal, Ramón Cabanillas, Vicente Risco, Otero Pedrayo, Castelao, Manuel Antonio, Cunqueiro, e outros moitos escritores que fixeron posible que o galego perdure no tempo na escrita. Mais non abonda, ten que perdurar tamén na fala, e ese é un labor noso, da xente nova en especial, pois somos o xerme para os que veñan despois e, se falamos en galego, faremos que se manteña viva a lingua galega nas vindeiras xeracións.
Parece mentira que de ser unha lingua de cultura en que se escribiron as cantigas medievais en toda a Península, aínda haxa xente hoxe que diga que a lingua galega é unha lingua inferior. Se foi unha lingua en que escribiron ata os reis- trobadores Afonso X o Sabio e Don Dinis de Portugal, como é que a historia posterior creou tal complexo de inferioridade nalgúns galegos e galegas, ata rexeitala completamente?. Hai quen non quere que se dean as clases en lingua galega nas áreas que pola Lei de Normalización Lingüística se teñen que dar en galego; que din que se está impoñendo o galego no ensino. Prefiren que os seus fillos e fillas aprendan inglés e non galego. Pódese falar en galego, sen que por iso deixemos de aprender outras linguas. Na actualidade o galego non se impón, mais ben o que se impón é o castelán, pois é a lingua maioritaria. Se non facemos por remedialo, seguirá a mesma situación, ou mesmo empeorará, e cada vez haberá menos número de galegofalantes novos, o que levará consigo que a lingua galega se perda. Está nas nosas mans cambiar a situación. Falemos en galego!.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
Benvidos á blogosfera.
ResponderEliminarUn agarimos saúdo dende galeandrade,
http://galeandrade.blogspot.com/