24/5/09

CELEBRAMOS AS LETRAS GALEGAS

Este venres celebramos as Letras Galegas, e comezamos cantando o Himno galego. Na biblioteca escoitamos os contos na voz dos seus autores e autoras, dos contos que se fixeron ao longo do mes de abril. Pero ademais de todo isto, os nenos e nenas de 4 e 5 anos cantaron “A cor do oso polar”, e en 1º e 2º prepararon a cantiga “A saia da Carolina”. Tamén houbo bailes, de 2º e de 4º: a Muiñeira de Lugo e a Muiñeira Xuliana. 5º e 6º prepararon a fermosas poesía “A fala” de Manuel María e, por último os alumnos/as de 4º presentáronnos un audiovisual sobre Ramón Piñeiro. Héctor e Iván necesitaban moito mais espazo do que dispoñemos na Biblioteca, así que reunímonos no noso salón de usos múltiples para ver a súa interpretación do Rap da Lingua,de Migallas. Así rematamos a celebración dese día pero non esquecemos que as letras galegas son nosas cada día. Temos as exposicións abertas aos pais e nais que desexen achegarse ao colexio.
Mais adiante amosarémosvos as nosas palabras agasalladas e as ruletas cos abecedarios galegos que están penduradas na entrada do colexio.
Coma sempre, deixámosvos coas imaxes e esperamos que disfrutedes.
EN GALEGO, XA, SI!

19/5/09

Máis sobre Ramón Piñeiro

Como xa está próxima a nosa celebración do Día das Letras Galegas, aquí tendes unha interesante biografía audiovisual sobre o homenaxeado, contada en primeira persoa e chea de lembranzas da súa infancia.




17/5/09

EN GALEGO TES TODO POR VIVIR!

A Secretaría Xeral de Política Lingüística, dentro da campaña "PALABRAS ENCADEADAS", aposta pola promoción do galego dende a rede para achegarnos con facilidade a todos e a todas vós, unidos na curiosidade de visitar e compartir este espazo virtual para poñer en valor a contemporaneidade, a utilidade, a expresividade e a vitalidade da lingua galega e, sobre todo, para compartir o seu uso.

Nesta ocasión as palabras, o material de construción da nosa lingua, serán as protagonistas. Desta volta imos convivir coas palabras, imos prendelas, apreixalas, rotalas, fotografalas, encadealas, gravalas en vídeo... Imos usar as palabras, as moléculas do galego, para afrontar todo iso que temos por percorrer, por inventar, por vivir, por aprender, por transmitir. E logo! En galego, temos todo por vivir.

Velaiquí vos van un montón de ideas para encher o noso mural de PALABRAS AGASALLADAS.

14/5/09

CORRELINGUA NO DIARIO DE FERROL

Hoxe saíu publicado no Diario de Ferrol un artigo sobre a edición do Correlingua na que participamos...
O ARTIGO DÍ:
Uns 700 escolares de Ferrol e comarca reuníronse onte en FIMO para gozar dunha proposta lúdico-deportiva coa defensa da lingua como telón de fondo: o Correlingua. Organizada pola CIG-Ensino, a Asociación Socio Pedagóxica Galega e a Mesa pola Normalización a cita incluiu diferentes actividades.

Arredor das dez da mañá dábase o pistoletazo de saída a unha nova edición dunha actividade que cada ano convida á mocidade e aos centros de ensino a reivindicar o dereito a medrar en galego e exercer como tales a través do uso do idioma, “a única forma de garantir o seu futuro”, segundo os propios organizadores.

Escolares e profesores de centros como o CEIP Esteiro, Isaac Peral, Ponte Xuvia, Recimil, Pazos, San Isidro, Aspanaes, Santa Juana de Lestonnac, Luis Vives ou o IES Fernando Esquío de Neda, entre outros, participaron na cita, que comezou cunha carreira simbólica polas inmediacións do pavillón número 1 de FIMO, no que os mozos portaban pancartas en defensa da lingua galega. Logo deste primeiro acto, o alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri, e a concelleira de Educación, Mercedes Carbajales, -o Concello ferrolán colaborou na cita-, dirixíronse aos rapaces para animalos a empregar o galego na súa vida cotiá. “Hoxe é un día moi especial, un día para pensar na nosa terra e sentir unha enorme satisfacción por vivir onde vivimos”, dixo Irisarri, que ao mesmo tempo reclamou aos escolares que defendan día a día o galego “desde a escola, desde a máis tenra infancia, porque é aquelo que nos une e do que debemos de estar orgullosos”.

(...)

Segundo subliñaron algúns dos organizadores do Correlingua, a edición deste ano cobrou un maior significado en defensa da lingua galega por se celebrar nun momento marcado pola decisión do novo goberno da Xunta de Galicia de derogar o decreto do galego na ensinanza, en virtude do cal alomenos o 50% das materias tiñan que ser impartidas en galego.

(...)

13/5/09

CORRELINGUA 2009

Hoxe todo o colexio celebrou o CORRELINGUA de Ferrolterra. Levamos a nosa pancarta e participamos no percorrido polo recinto de FIMO , en A Malata. Despois, dentro do pavillón escoitamos contos, lemos o manifesto, e vimos a representación de "Zampón, o lambón" a cargo de FANTOCHE BAJ, unha compañía de teatro de Lalín, que estes días percorrerá as vilas de Galicia co seu espectáculo, acompañando ao Correlingua. Antes de ver as fotos, podedes ler o fermoso manifesto que os alumnos e alumnas de 4º da ESO do CPI de Panxón, en Nigrán, escribiron:
MANIFESTO PARA O “CORRELINGUA” DE “OS CONCIENCIADOS”.
Galicia ten unha lingua propia moi antiga e fermosa, o galego. Debemos falala para así conservala como fixeron os nosos devanceiros que a pasaron de xeración en xeración, ás veces con moitas dificultades porque estivo prohibida nos Séculos Escuros e na posguerra. Afortunadamente mantivérona viva e hoxe temos o deber de mantela viva nós, falándoa en tódolos contextos, na escola, na rúa, no médico, nos fogares, na igrexa, cos amigos, nas discotecas, no noso tempo de lecer (gozando de libros, xornais, música, programas de televisión, documentais, vídeos, películas e obras de teatro en galego), demandando toda esta cultura en galego. De xeito que poidamos transmitírllela logo ós nosos fillos e perdure no tempo moitos séculos máis.
Somos os mozos e as mozas quen temos a obrigación de manter a lingua galega viva e hoxe en día a xuventude non fala moito en galego; xustifícanse dicindo que a súa familia lles fala en castelán e tamén os seus amigos, e que se senten máis cómodos falando en castelán. Mesmo hai rapaces e rapazas que opinan que o galego é unha lingua inferior que non serve para nada, razoamentos totalmente absurdos que se se lles fai caso, rematarán extinguindo a nosa lingua galega e tirarán por terra todo o labor feito polos nosos devanceiros e egrexios escritores e escritoras como Rosalía de Castro, Curros, Pondal, Ramón Cabanillas, Vicente Risco, Otero Pedrayo, Castelao, Manuel Antonio, Cunqueiro, e outros moitos escritores que fixeron posible que o galego perdure no tempo na escrita. Mais non abonda, ten que perdurar tamén na fala, e ese é un labor noso, da xente nova en especial, pois somos o xerme para os que veñan despois e, se falamos en galego, faremos que se manteña viva a lingua galega nas vindeiras xeracións.
Parece mentira que de ser unha lingua de cultura en que se escribiron as cantigas medievais en toda a Península, aínda haxa xente hoxe que diga que a lingua galega é unha lingua inferior. Se foi unha lingua en que escribiron ata os reis- trobadores Afonso X o Sabio e Don Dinis de Portugal, como é que a historia posterior creou tal complexo de inferioridade nalgúns galegos e galegas, ata rexeitala completamente?. Hai quen non quere que se dean as clases en lingua galega nas áreas que pola Lei de Normalización Lingüística se teñen que dar en galego; que din que se está impoñendo o galego no ensino. Prefiren que os seus fillos e fillas aprendan inglés e non galego. Pódese falar en galego, sen que por iso deixemos de aprender outras linguas. Na actualidade o galego non se impón, mais ben o que se impón é o castelán, pois é a lingua maioritaria. Se non facemos por remedialo, seguirá a mesma situación, ou mesmo empeorará, e cada vez haberá menos número de galegofalantes novos, o que levará consigo que a lingua galega se perda. Está nas nosas mans cambiar a situación. Falemos en galego!.

Aquí vos deixamos as fotos. A ver se atopades a alguén coñecido!



11/5/09

+ Internet + Galego + Futuro

+internet+galego+futuro

A Consellería de Economía e Industria vén de abrir a súa páxina na rede para celebrar conxuntamente o Día das Letras e o Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información.

Podedes ver máis información en www.maisinternetmaisgalego.org, que parte co obxectivo de informar sobre o autor homenaxeado este ano no 17 de maio, Ramón Piñeiro, e tamén sobre todas as actividades que se desenvolvan para difundir e normalizar a nosa lingua, tanto no día a día como a través dos novos medios de comunicación e información que nos brinda a rede de redes.


10/5/09

Máis sobre as Letras Galegas 2009


Xa está próximo o Día das Letras Galegas deste ano. Para preparar as actividades, para saber e coñecer máis sobre Ramón Piñeiro podedes acceder a estes enlaces:
Páxina da Real Academia Galega
O Seminario Galán
Páxina dos Equipos de Normalización de Política Lingüística
Páxina do Día das Letras Galegas
Webquest de Olga Rodríguez, bibliotecaria do CEIP Milladoiro Malpica. Grazas Olga!




E vía a Bibliotecadocole chéganos este O RAP DA LINGUA (MIGALLAS).

QUE FALEMOS EN GALEGO

É UNHA COUSA NATURAL,

COMA A CHUVIA NO INVERNO

E A CALOR NO VERÁN.


EN GALEGO! XA! SI! (BIS)


AINDA HAI PAIS QUE NON LLES FALAN

ÓS SEUS FILLOS EN GALEGO

PORQUE PENSAN QUE É UNHA LINGUA

PARA POBRES E "PALETOS".


AOS TEUS PAIS ANIMARÁS

A FALARCHE EN GALEGO,

QUE NON CHE VAN SAÍR GRANS

NIN TAMPOUCO CAE O PELO.


HAI RAPACES E RAPAZAS

QUE Ó IR Ó INSTITUTO

NON QUEREN FALAR GALEGO

PORQUE DIN QUE É MONTUNO.


MAIS SE ALGUÉN CHE FAI TILÍN

E O QUERES NAMORAR

FAILLE AS BEIRAS EN GALEGO,

DE SEGURO LIGARÁS!


HAI RAPACES E RAPAZAS

QUE QUEREN FALAR GALEGO

PERO AÍNDA NON O FALAN

PORQUE DIN QUE TEÑEN ERROS.


ANQUE O FALES TODO O DÍA

NON CHE PODE SENTAR MAL.

NIN DÁ MOCOS, NIN DÁ FEBRE.

FAI A PROBA E XA VERÁS!


FALEMOS A NOSA LINGUA

QUE É UNHA LINGUA MOI MODERNA,

AS ESCOLAS E NAS CASAS

NAS CIDADES E ALDEAS.


EN GALEGO! XA! SI!

Belén Regueira nos Premios Maestro Mateo

O pasado 30 de abril celebrouse a entrega de Premios Maestro Mateo no Pazo da Cultura de Pontevedra. Belén Regueira, presentadora de "O país dos ananos", a quen todos e todas coñecedes, recolleu o premio á Mellor Comunicadora da Televisión. Este é o vídeo que amosa as súas valentes palabras.

8/5/09

Estreamos blogue preparando o Día das Letras Galegas 2009

No ano 2009 adícaselle o Día das Letras Galegas a Ramón Piñeiro
Aquí temos unha primeira ollada á vida deste escritor.