24/6/09

A lenda da Pena Molexa



A parroquia do Val recrea dende hai uns anos, pola Noite de San Xoán, a lenda da Pena Molexa, en Narón. Conta a lenda que un poderoso feitizo convertiu a unha fada moi fermosa nunha rocha, que é a Pena Molexa... Na noite de San Xoán desfaise o encantamento e, por uns minutos, a rocha transfórmase de novo en muller, que vai acompañada de fantásticos tesouros; a muller ofrece a quen por alí pasa que escolla a mellor das xoias. A avaricia da xente faille escoller os bens materiais, no canto de escollela a ela, desta forma, o encantamento non se desfai, e ela volve a converterse nunha rocha unha vez máis; e así estará ata o vindeiro ano pola mesma data.

23/6/09

O soño dunha Noite de San Xoán

En Galicia Espallada atoparás moita información sobre a nosa tradición de San Xoán

A noite de San Xoán, o 24 de xuño, é hoxe unha das festas máis ricas en lendas, supersticións e costumes que acocha o noso folclore, a nosa cultura. (...) Segundo a definía don Eladio Rodríguez Gónzalez no seu Breviario enciclopédico: "Na noite de San Xoán parecen realizarse tódalas marabillas. Acéndense nas cidades, vilas e aldeas as tradicionais lumeiradas, arredor dascales canta a mocidade, baila e brica por riba das chamas; pasan logo os gandos para que reciban o orballo de San Xoán, cando xa as fogueiras esmoreceron, facendo que as redes reciban o remol aínda fumegante; póñense ó relento herbas e plantas recendentes, mergulladas en auga, e nesta auga sandadora lávase á mañá seguinte toda a familia, na crenza de ver curadas as erupcións do cute que padecen; tómanse ás doce da noite as nove ondas do mar polos que viven preto; non poucas persoas acoden á praia máis cercana, malia teren que percorrer unha distancia de dúas a tres légoas para recibi-las salutíferas ondas; chimpándose nove veces ó río os ribeiráns do Miño ó dálas doce da noite, cren que esas ablucións lles serán beneficiosas. (...)